PATRULLA NOCTURNA CONTRA AS VIOLACIÓNS POR SUBMISIÓN QUÍMICA


MANIFESTO


Somos mulleres e estamos fartas de ser violadas diariamente por homes, porque son homes os que nos violan. Homes cos que compartimos as rúas, a noite, os nosos traballos, os nosos fogares e familias. 

A todas nós nas nosas diferencias únenos unha experiencia vital universal polo feito de ter nacido mulleres: sufrir dende nenas o acoso, o abuso, a agresión e a violación por parte de homes. Na maioría dos casos homes cos que convivimos, as nosas parellas ou ex-parellas, coidadores, profesores, adestradores, tíos, páis e avós. 

Se temos a fortuna de estar rodeadas de persoas coñecidas que nos coidan e nos queren esa violencia a experimentamos cando estamos na rúa; cando homes descoñecidos nos berran, nos asaltan, nos insultan, nos humillan, nos perseguen, nos aterrorizan e nos violan. E cando saímos de festa, a desfrutar e pasar unha boa noite, os homes introducen substancias químicas nas nosas copas ou nos inxectan para anular a nosa vontade e facer con nós e cos nosos corpos aquilo que aprenden da pornografía e da prostitución. E así compartimos a experiencia de vivir nun país formalmente igualitario pero no que andar polas rúas e saír de noite é deporte de risco, por ter nacido muller. 

As mulleres aprendemos a protexer as nosas vidas de maneira diaria contra o constante risco de que calquera home decida exercer o dereito patriarcal que teñen sobre as nosas vidas. Vivimos no primeiro país do mundo en consumo de prostitución, un país onde cada ano son asasinadas centenares de mulleres por homes feminicidas, onde cada día máis de 4 mulleres son violadas, onde as violacións múltiples son unha epidemia, onde os xuíces ven sexo cando hai violación. Un estado machista e feminicida onde a violencia machista non é delito de odio. Un goberno do PSOE e Podemos que usa ás mulleres e a nosa loita pero que non percibe urxencia en abordar a violencia que sufre a metade da poboación. 

Saímos na noite do 17 de decembro ás rúas seguindo o berro das mulleres de Bruselas, Madrid, Elche... que reclaman unha noite segura para as mulleres. Ante o aumento de violacións en bares e discotecas, denunciamos o uso de substancias químicas por parte de homes para violar mulleres. 

Isto está a acontecer nos bares e discotecas da nosa cidade, aquí en Vigo, así como en tantos outros lugares pois o sistema patriarcal sustentase sobre a violación sistemática das mulleres. 

A continuación queremos dar voz ás afectadas e relatar brevemente a experiencias denunciadas en redes sociais a través da conta @denunciatubar. Antes de comezar cos testemuños queremos agradecer a valentía destas mulleres por compartir a súa experiencia con todas nos. 

Fai uns meses estaban na sala Doopler coa miña parella e uns amigos, de repente non recordo nada, só algúns flashes nun parque con outros amigos. Suponse que estaba liándome cun tío diante da miña parella, perdera a miña vontade por completo. Contáronme que acabei tirada nun portal ata que unha chica chamou para que me viñeran a buscar. Sinto impotencia por ter que asumir un comportamento que nin planificara nin pensara levar a cabo. Impotencia de non entender por qué, como e en qué momento alguén me fixo algo así”. 

Fai 3 anos de festa polo Arenal notei que 2 homes perseguíanme polo pub, sempre preto de min, os atopaba en todos lados. Recordo chegar a outro pub, o Pagoda, e xa non recordo nada máis. Só telos detrás de min, pegados ás miñas costas. O peor de todo é que persoas que me coñecían, en ningún momento se preguntaron se me acontecía algo, simplemente pensaron que se me fora a olla. Dou grazas a un coñecido que se deu conta e levoume á miña casa. Ningunha de xente que se facía chamar amigos fixeron nada, excepto xulgarme. Tiven que ir ao psicólogo para tentar superar aquilo. So recordo ver a eses 2 homes sempre comigo. As cousas que me teñen contado que fixen esa noite fanme sentir asco, porque eu xamais me comportaría así.” 

Son estudante de Erasmus en Vigo, o sábado 6 de Novembro fun cuns amigos á Ferré. Recordo que estaba bailando cunhas amigas e de repente non recordo nada ata a mañá seguinte. Espertei ao lado dun home. Pregunteille que estaba a pasar, díxome que tiña que tomar a píldora do día despois porque o condón rompera. No hospital non me fixeron ningunha proba, non denunciei.

"Era o aniversario dunha amiga e saímos de festa para celebralo un sábado pola noite. Eu esa noite bebín especialmente pouco, sen embargo, non recordo absolutamente nada dende a 1 ata as 4 da mañá, cando aparecín tirada nunha rúa eu soa, vomitando e nun estado lamentable. Por sorte, os meus amigos estiveron comigo toda a noite, recordan todo e dixéronme que estiven con eles ata pouco antes de aparecer tirada na rúa. Unha chica que pasaba por alí veume en tan mal estado que me recolleu e levou para casa porque eu non era capaz nin de camiñar.

Este venres 19N fun a Ferré cuns amigos, recordo estar ben, bailando como sempre. Bebín o mesmo que calquera día de festa. Dende as 2 da mañá ata as 10 que esperte no hospital, non recordo nada. Tivo que levarme a policía ao hospital, eu non era consciente de nada. Polo que sei ata o momento de chegar ao hospital estaba a chorar cun ataque de ansiedade dicindo que me rogaran e ao chegar ao hospital quede inconsciente. Eu tiven a sorte de que actuara a policía e puiden poñer unha denuncia.” 

"Comparto a miña experiencia porque pensaba que estes rumores de burundanga que corren por Vigo eran mentira. Pois NON, hoxe o vivín en primeira persoa. Estamos en Gatsby e de repente un olor a gas tremendo, unha chica ao rato berra “cheira a pooper”. Ao momento comezo a marearme, saio a tomar o aire e ao volver atopo un envoltorio no chan, entro na páxina que ven impresa, era unha páxina de venta de pooper."

Todas elas mulleres ás que a noite, os bares, e a sociedade deulles as costas. Elas senten asco e vergoña polo que homes lles fixeron, polos momentos que si recordan, por todo o que non recordan. 

Desgraciadamente isto non é unha lenda urbana e o que estas mulleres denuncian non se explica cunha “mala borracheira”. Porque a culpa non é delas nin por saír de noite, nin por como ían vestidas, nin polo que teñan feito ou deixado de facer, nin polo que teñan bebido, nin por non vixiar a súa copa. Os únicos culpables son ELES os HOMES que consideran ás MULLERES obxectos para o seu desfrute; HOMES que se serven da forza, da intimidación, da chantaxe ou da nosa situación de vulnerabilidade para violarnos ou prostituírnos; HOMES que drogan a mulleres para anular a nosa vontade e usármonos coma bonecas inchables. 

Os culpables son os HOMES que violan a mulleres pero NON SÓ ELES. 

Tamén son culpables as institucións que dubidan da nosa palabra, que non cren ás vítimas, que as tratan a elas coma delincuentes, que as volta a humillar revitimizándoas. 

É tamén culpable un goberno que non toma medidas reais para protexer ás mulleres e un Ministerio de Igualdade que se esquece das mulleres mentres negocia cos lobbys do proxenetismo. 

Tamén son culpables os medios de comunicación que difaman e xulgan ás vítimas e tratan aos feminicidas e machistas como casos illados. 

É culpa dunha sociedade pornificada que ensina ás nosas nenas que elas espertan unha paixón irrefreable nos homes, peleles dos seus desexos. Unha sociedade que pon o foco en que a nena teña coidado, que aprenda a facerse invisible, que aprenda a protexerse dos varóns pero que ao mesmo tempo ame a eses varóns e busque por todos os medios a súa aprobación. Unha sociedade que sexualiza ás nenas, as sitúa nunha posición de precariedade e indefensión mentres protexe e galardoa aos pederastas, violadores e feminicidas. 

Muller, nós si te cremos. 

Recordamos a todas aquelas que teñen sido drogadas nas noites de Vigo, do resto da Galiza e do mundo. Berramos por todas vós, berramos por todas as que non o sufrimos pero saímos co medo de ser a próxima, porque podemos ser calquera de nos. 

Percorremos as rúas da nosa cidade reclamando unha noite segura para as mulleres, reclamando que a hostelería aborde esta problemática pois é nos seus bares onde nos están drogando. Reclamamos ao goberno que lexisle para protexer ás mulleres e castigar aos homes que atentan contra a nosa saúde e dignidade. 




Reclamamos ao concello de Vigo que se posicione contra as violencias machistas así como contra as violacións pagadas na prostitución. Mentres esperamos que os gobernos nos defendan seguiremos saíndo ás rúas xuntas. 

Pois sabemos que SO AS MULLERES SALVAREMOS ÁS MULLERES. Hoxe e sempre loitamos pola abolición do patriarcado e de toda forma de violencia contra as mulleres polo feito de selo.

 

Comentarios