Bloque Abolicionista 25N 2021

Dende Solidarias e Violetas convocamos bloque abolicionista para a manifestación de Vigo deste 25 de novembro contra a Violencia Machista.

Agradecemos a todas as mulleres, así como ós colectivos Paxaretas de Redondela e á PFRG que nos acompañasen durante o percorrido e posterior lectura do noso manifesto fronte ó antigo cine Fraga, desmarcándonos do discurso oficial non abolicionista das organizadoras.



Aquí o noso manifesto:

Hoxe 25 de novembro de 2021, as mulleres que formamos Solidarias e Violetas marcamos unha liña coa organización desta manifestación. Poñemos punto e á parte coas nosas ideas e coas nosas accións, porque somos o que facemos e non o que dicimos, por iso estamos aquí.

Afastámonos porque consideramos que aquelas que non toman posición contra toda a violencia machista non merecen chamarse feministas e consideramos que coa escusa de sumar máis mulleres e tamén homes acéptase que calquera cousa que se lle pase pola mente a unha ou a un é feminismo. Pero nós pensamos que a violencia machista non é relativa.

Estamos fartas de que non se poida nomear a prostitución ou o porno como un xeito de violencia machista a erradicar. Estamos fartas de que algunhas consideren alugar mulleres para a explotación reprodutiva como algo discutible. Agora tamén queren que aceptemos chamarnos seres xestantes, ou menstruantes ou persoas con vaxina ou con útero para non incomodar aos homes que din ser mulleres en base a un sentimento interno e imperceptible. Porque pensan algúns e algunhas que non somos mulleres dun xeito obxectivo, que a nosa realidade biolóxica non nos fai mulleres, que o noso corpo de femias da especie humana non nos fai mulleres. Afirman que sufrimos opresión en base a un sentimento de muller, que sempre é descrito usando os mesmos estereotipos sexistas contra os que loitamos. Cando nos  opoñemos a estas atrocidades recibimos insultos, ameazas. Mófanse de nós por argumentar que as mulleres sufrimos violencia por nacer mulleres, é dicir por femias. As redes sociais están cheas deste tipo de violencia que non é máis que a de sempre cun pequeno novo matiz. De feito moitas de vós estabades cando fomos acosadas durante a Manifestación do 8 de marzo na nosa cidade este mesmo ano.

Supoñemos que cando escoitamos as palabras violencia machista todo o mundo pensa nas mulleres maltratadas, e incluso asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. A maioría da poboación é contraria ao maltrato e por suposto tamén contra o asasinato, pero non é coherente ter isto tan claro e non posicionarse contra a base do problema. Manter a idea de que é lícito alugar os corpos das mulleres máis desprotexidas da sociedade, ou xustificar o acoso contra as mulleres polas súas ideas feministas constrúen as bases do sistema patriarcal que padecemos as mulleres, e que se traducen en agresións contra nós, nos nosos corpos, na nosa integridade, na nosa dignidade como persoas e mulleres.

Non abonda con dicir que non queremos que nos maten e que necesitamos máis medios, que é evidentemente certo. Temos que sinalar onde se xesta a cultura de dominación coa que pretenden someternos. Non somos boas ou malas, putas ou santas. Temos moitas realidades diferentes, somos todas femias da especie humana e todas sufrimos o patriarcado. Facer actos polo día contra a violencia machista sen nomear a escravitude sexual non nos parece de recibo. Ata aquí chegamos.

As mulleres que sofren malleiras, chantaxe sexual, emocional, maltrato psíquico e outros xeitos de maltrato, padecen isto porque a nosa sociedade mantén a idea de que agredir, dominar e facerlle a vida imposible ás mulleres non é para tanto. A cultura na que crecemos e na que vivimos xustifica de mil xeitos que nos merecemos as agresións que sufrimos por parte dos homes. Que eles non poden controlarse e que nós estamos aquí para servilos. En definitiva, que algo fixemos para merecer o castigo dun home.

Dende Solidarias e Violetas esiximos o cumprimento das leis feitas para protexernos. Esiximos a abolición da prostitución. O encarceramento inmediato de todos os proxenetas, que o capital destes sexa expropiado e invertido na rehabilitación das mulleres prostituídas. Esiximos multar aos putañeiros e comezar a dicirlle á poboación que penetrar mulleres pobres por boca, vaxina e ano non é compatible con ser un bo cidadán. Esiximos a paralización inmediata de tódolos procesos de tráfico de bebés e de explotación reprodutiva de mulleres que teñan algunha das partes actuantes no noso estado. Esiximos que todas as persoas que mercaron bebés e residen no estado español sexan investigadas e paguen polos seus delitos como tratantes de seres humanos que son. Esiximos que a pornografía teña a mesma consideración que a prostitución. Esiximos que o estado non continúe co borrado xurídico das mulleres, pois fan que os dereitos acadados carezan de sentido e poñen en risco a vida das mulleres. Esiximos que os delitos misóxinos sexan considerados delitos de odio. Esiximos que remate a difamación e a persecución contra mulleres feministas radicais que observan como as súas opinións baseadas no mundo real e non no imaxinario poden pecharlles portas laborais. Esiximos a protección das e dos menores ante pais maltratadores e tamén ante o adoutrinamento queer presente hoxe en moitas escolas públicas e privadas.  Esiximos que os medios de comunicación, e marcas comercias deixen de promover os estereotipos de xénero que son a terra onde medra a semente do maltrato. Hoxe máis ca nunca esiximos a dimisión de Irene Montero no Ministerio de Igualdade pois dende a súa chegada vemos perigar máis as nosas vidas. Irene Montero dimisión!!!

Con este caldo de cultivo algúns homes asasinan mulleres. Eses homes viven nun mundo que reforza as súas ideas misóxinas constantemente. A violencia simbólica e a violencia explícita contra nós está a todas horas en todos os lugares. Se temos claro que na educación radica o éxito para rematar con esta lacra, comecemos por cortar coa publicidade do patriarcado. Nin malos tratos, nin prostitución, nin porno, nin explotación reprodutiva. A misoxinia é o delito de odio máis antigo e non se recoñece na nosa lexislación porque toda a organización onde nos movemos está construída por e para os homes.

Construamos un mundo onde as mulleres non nos teñamos que adaptar ao deseño que os homes fixeron de todas as cousas e onde nós somos parte do mobiliario. Construamos un mundo onde o corpiño da feminidade desapareza e podamos vivir mulleres e homes como compañeiras e compañeiros.


Comentarios